Novembro.
En pleno mes de setembro o almanaque esquecido segue aí, pendurado na súa parede, despois de tanto tempo.
Pasou aquel novembro e o Nadal, a primavera foise, o verán despediuse e xa chegou un novo outono…
Mais no almanaque esquecido segue a ser novembro.
Baleiran o edificio, seica ameaza ruína.
Saen as xentes, logo os mobles… Mais polo almanaque esquecido non pasa o tempo.
Fóra chove, fai sol, é día e noite, mais segue a ser novembro.
Azul sobre o lenzo branco da parede, no almanaque esquecido os días detivéronse en novembro.
Dende a rúa pódelo ver, azul sobre o branco lenzo da parede, esquecido… sempre novembro.
Poema calado do esquecemento. Alguén recolleu as súas cousas e foise mais deixouno aí, só, azul sobre o branco lenzo da parede, testemuña do abandono, da ruína, do pasado…
Xa non hai quen pase as súas follas e, daquela, testemuña en silenzo que a súa sentenza de morte chegou nalgún día dun pasado mes de novembro.
Iranse xuntos, o almanaque e a súa parede.
Despois de tanto tempo, talvez o almanaque meréceo.
A demolición do vello edificio está pactada mais, por burocracias e orzamentos, foi transcorrendo o tempo.
Dende que o almanaque quedou orfo pasaron días, semanas, meses, talvez agardando a chegada dun novo mes de novembro. Mais non será posible cumprir este último desexo.
Hoxe a máquina avanza impasible.
Pica, barrena, destrúe…
Ao seu paso caen os muros, caen os teitos.
Hora tras hora, día tras día, o edificio xa vencido vai caendo.
Porén, impasible ata o último momento, o almanaque esquecido segue aí, sobre a branca parede, agardando o bico do ferro.
Mañá será o último día, agora seino.
A sorte está botada e, arrincado xunto coa súa parede, para o almanaque azul xa non haberá outro mes de novembro.
Ao almanaque azul deixárono así, posiblemente dende novembro de 2009 e até hoxe, pendurado dunha parede da Casa do Mar de Cangas.
Decidido o derrube do edificio pola súa ruína, ao baleirar o mobiliario alguén esqueceuse de retiralo.
Aí permaneceu só, agardando, impasible ao paso do tempo, até este momento.
Neste 1 de outubro de 2010 o solar quedará baleiro e o almanaque azul… non verá a chegada dun novo mes de novembro.























